O pasado mércores, preto da medianoite, un mozo galego de 27 anos morreu na uci do Hospital Montecelo de Pontevedra como consecuencia das feridas sofridas nun accidente laboral no porto de Marín. A Consellería de Traballo da Xunta de Galiza fala mentres tanto, a través da súa páxina web, de que "dende xaneiro ata outubro deste ano o número de accidentes laborais rexistrados en Galiza foi de 41.001, dos cales 61 tiveron resultado de morte, o que representa un total de 19 accidentes mortais menos que nos primeiros dez meses do ano pasado". Na Consellería parecen satisfeitos porque, no que vai de ano en comparación co ano anterior, os accidentes mortais reducíronse en preto do 24%. E eu me pregunto, hai que estar satisfeito porque en Galiza cada cinco días morra unha persoa mentres traballa? Hai que estar satisfeito porque cada día en Galiza haxa máis de 135 accidentes de traballo? Creo que estes números están bastante lonxe do que acontece en países do noso entorno (Europa) e que este é un problema no que hai que investir para acadar unha solución pero o que non se pode permitir é que os galegos e galegas nos xoguemos a vida tratando de conseguir os cartos necesarios para vivir.
A nota de prensa recollida na páxina web da Consellería de Traballo fala tamén de que "atendendo ao tipo de accidente, os de carácter leve supoñen o 97,8% do total de sinistros rexistrados" e de que "en comparación con outubro de 2005, a cifra total de sinistros leves INCREMENTOUSE en 885, ao pasar de 39.236 en outubro de 2005 a 40.121 este ano". A nota fala ademais de que "no caso dos accidentes graves, en termos absolutos presentan un descenso de UN accidente con respecto a outubro de 2005 pasando de 820 accidentes nese ano, a 819 neste". Por tanto, se os accidentes leves aumentaron en 885, os graves reducíronse en 1 e os mortais en 19, con respecto ao ano anterior, os primeiros dez meses deste ano rexistraron un incremento de 865 accidentes máis, que é o que non dÍ nota da Consellería. O sexa, que os accidentes laborais seguen aumentando e o goberno galego dí que chove.
Como todo o mundo, alédome de que morrera menos xente este ano, en comparación co ano anterior, mentres desenvolvía a súa actividade profesional pero paréceme que notas como esta esconden unha realidade evidente. Os accidentes laborais seguen crecendo e o goberno parece que non atopa o xeito de atallalo.
Publicar un comentario