- Atrás »
- Caixon desastre , Galiza »
- GALIZA E O CAMBIO CLIMÁTICO
Publicado por : Adycto
31 de outubro de 2006
Hoxe, diversos xornais de ámbito estatal e galego inclúen artigos e informacións sobre o cambio climático. O pasado domingo, o segundo canle de Tve emitiu unha interesante reportaxe na que se falaba sobre as consecuencias do cambio climático en España. Parece claro pois que as consecuencias que a emisión incontrolada de verquidos produce sobre o clima comeza, cada vez máis, a preocupar á xente. ¿Cómo está Galiza en relación co cambio climático e a emisión de co2? ¿Existe algunha política ou estratexia do goberno sobre esta materia? A maior parte dos datos sobre os que se constrúen as reflexións feitas por Xornalaberto poden atoparse en neste enlace.
En relación coa emisión de Co2 (dióxido de carbono), causa principal do efecto invernadoiro e por tanto do cambio climático, Galiza non sae moi ben parada. De feito, en termos relativos, Galiza contribúe de xeito importante ás emisións de gases causantes do cambio climático, debido principalmente ás emisións de CO2 das centrais térmicas de carbón de As Pontes e de Meirama. A central das Pontes, cuxa vida ENDESA vén de prolongar até o ano 2023, é ademais unha das empresas que máis negativamente inflúen no cambio climático de todo o estado español.
Ademais, España é o estado desenvolvido que máis incrementou as súas emisións de gases de efecto invernadoiro desde 1990, nada menos que nun 38%, moi por riba do límite do aumento do 15% no horizonte 2008-20012 que lle permite o protocolo de Quioto.
O cambio climático é un problema serio perante o que a sociedade e as institucións galegas non poden pechar os ollos. Non é normal que cada ano se supere algún record climático no noso país (este ano o mes de outubro máis chuvioso dos últimos 30 anos) nin que, a piques de entrar no mes de novembro, o calor chegara con tanta forza. Tampouco é normal que, ao inverno máis chuvioso do século, lle sega o máis seco nin cousas polo estilo.
¿E qué fan os nosos políticos ao repecto? Os nosos políticos teñen aparcado este tema, que é primordial para o país. Non existe un plan integral que contemple todos os sectores e a poboación e que palie os efectos da contaminación, por terra, mar e aire. Cando os nosos políticos queran poñerse a solucionar o tema paréceme que vai a ser demasiado tarde.
Un informe recente da Axencia Europea de Medio Ambiente sitúa ao noroeste peninsular como unha das zonas europeas na que máis plausibles serán as consecuencias do calentamento global do planeta. O documento “Impactos do cambio climático europeo” sostén que, a medio plazo, (entre 50 e 70 anos) o sur do continente será o máis perxudicado polo ascenso das temperaturas, o desxeo ártico e a subida do nivel do mar. Haberá sequías máis prolongadas e os veráns serán máis longos. A Galiza tocaranlle de cheo todos eses factores, que non incidirán do mesmo xeito en outros espacios peninsulares. Na costa galega o mar subirá 2,2 milímetros cada ano (un dos valores máis altos previstos para Europa) e as temperaturas, ao menos 3,6 graos. A estas dúas previsións hai que engadirlle unha máis: as chuvias estivais. A Axencia augura para o noroeste español un descenso pluviométrico do 29 en verano, un valor máis elevado que no Levante, por exemplo.
Publicar un comentario