- Atrás »
- Cidade da Cultura »
- A CIDADE DA CULTURA
Publicado por : Adycto
27 de outubro de 2006
Cando cada noite volto a miña casa, ela mírame dende o seu pedestal e, por ese motivo, decidinme a facer un post sobre ela: A Cidade da Cultura. Pasaron xa seis anos dende a colocación da primeira pedra no compostelano monte de Gaiás e o sono imposible dun presidente demente leva tragados máis de 373 millóns de euros en obras licitadas cando, nun principio, o investimento previsto polo goberno galego no ano 1999 era de 108 millóns. Hai uns días o Goberno galego informou de que, nos Orzamentos do vindeiro ano, a Xunta destinará 50 millóns de euros máis ás obras do Monte Gaiás. E todo isto mentres o bipartito afirma que dará a coñecer "antes de fin de ano" as claves en referencia aos usos concretos da Cidade da Cultura. É dicir, que de momento, non teñen nin idea de que facer co monstruo.
Sei, como a maioría da xente, que o actual goberno tampouco pode plantar as obras que estaban nun estado de construcción moi avanzado cando chegaron ao poder, pero o que tamén sei é que nin a propia conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, se atreve a aventurar cal será o investimento final desta obra.
Pero todo isto non é o único que sei. Sei tamén que, coa pasta investida ata o de agora, poderiamos construír na Galiza máis de 100 colexios ou residencias de maiores, ou dous ou tres complexos hospitalario de primeiro nivel. Tamén sei que o museo Guggenhaim (ou como se escriba) valeu preto de 140 millons de euros, co cal poderiamos construír tres, e que, ademais, o coste anual, unha vez rematado o proxecto, será de preto de 48 millóns de euros en gastos de programación e mantenemento.
A verdade e que non teño a resposta de qué facer coa obra pero creo que algo como un macrocentro de atención á terceira idade (público e de balde), con residencia, servicio médico, etc tería máis sentido que o que están a facer. De tódolos xeitos, animo a todo o mundo a que propoña qué facer coas obras da Cidade de Cultura non vaia ser que se nos ocorra algo bo e os políticos tomen nota.
Agora que está empezada o que hai que facer e rematala, sexa o que sexa que están a facer. Do contrario si sería tirar cos cartos. Unha vez rematada xa veremos que sae dela... poloben de tódolos galegos espero que serva pra algo.
BLOG AND ROLL
Os cartos tirados alá foron: haberá que ir contra o patrimonio do PPdeG, de Fraga, de Pérez Varela, e de todos os energúmenos que despilfarraron o noso diñeiro: non falan os mariscadores de ir contra a Xunta polas inundacións?
Rematala e logo veremos? Mantela vai ser outra millonada eterna, que haberá que incluír todos os anos no orzamento de Cultura!
O mellor sería organizar un macrobotellón con voladura e queima pública incluídas.
Todo iso de tirar con todo queda moi ben nunha conversa de bar mas todos intuimos que agora o que hai que facer e apanadar co morto e tratar de facelo rendible como sexa. Precísase xente con imaxinación.
Estou con mendinho, a solución non é fácil pero tirar con todo non solucionaría nada....aínda que dan gañas de facelo
Por unha vez, e sen que sirva de precedente, visto o pouco dados que somos a copia-las cousas boas, poderiamos mirar ós nosos veciños de Asturias. Con moitos menos cartos amañaron un dos edificios máis grandes de España, en desuso dende hai décadas, pra utiliza-lo como sé do goberno rexional, da radio e TV públicas, etc... Por certo, déstesvos conta da caña que está a dar co tema La Voz?? TdR