Antes de comezar coa crónica do día, teño que decir que as fotos, sen as que os posts sobre o Debate non terían sentido, son da fotoxornalista da Voz de Galicia, Sandra Alonso. Ademáis dito, quero facer unha crítica grande, a máis grande que poida, a CRTVG que preferiu seguir coa súa programación habitual a dar as imaxes en directo da sesión parlamentaria desta tarde. Para seguir a retransmisión da sesión tiven que conectarme á páxina web do parlamento xa que, a nosa televisión pública, non o emitía (a radio tampouco).
Unha vez dito isto teño que decir que a sesión desta tarde, na que interviron os segundas espadas, foi unha sesión na que todos os partidos falaron de consenso pero, realmente, poucos foron os acadados. O PPdG, a través de Xosé Manuel Barreiro, presentou 516 propostas de resolución e o Bipartito outras 48 (poderedes atopalas todas nas ligazóns que acompañan a esta información) e as aprobadas pola Cámara foron 89. Entre as propostas aprobadas hai que sinalar o consenso acadado polos grupos nunha proposta presentada polo goberno, en materia de política forestal. Deste xeito, todos os grupos aprobaron unha proposta na que se fala de catro puntos claves: persecución dos incendiarios, dotación e profesionalismo na loita contra o lume, nova política forestal que aumente o valor do monte e abordar coas entidades locais un plan para a creación de cortalumes.
Como podíades imaxinar, as 48 propostas do Bipartito aprobáronse esta tarde no Hórreo namentres que das 6presentadas polo PPdG, aprobáronse 41 (37 tal como estaban e 4 máis reformadas). De todos os xeitos hai que destacar que, das 48 propostas presentadas polo goberno, o PPdG só votou en contra de 7.
Durante as intervencións dos portavoces parlamentarios, Carlos Aymerich (BNG), afirmou que as propostas aprobadas das presentadas polo PPdG son moitas, sobre todo comparado co feito polo PPdG mentres gobernaba. Aymerich destacou ademais, que o PPdG incluíu, entre as propostas presentadas, algunhas que "mentres eles estiveron no Goberno rexeitaron".
O portavoz do PSdG-PSOE, Fernández Leiceaga, pola súa banda, recoñeceulle un pequeno esforzo de aproximación ao PPdG e, por iso "aprobamos 41 das propostas presentadas por este grupo parlamentario". Sen embargo, Leiceaga indicou que este esforzo foi "insuficiente" xa que, segundo comentou, o PPdG non aceptou moi pouco dos pactos ofrecidos polo goberno.
O portavoz popular, Xosé Manuel Barreiro, indicou, pola súa parte, que as 516 propostas presentadas polo seu grupo parlamentario responden a que "o goberno transmitiu onte unha situación que non se corresponde coa situación real de Galiza e as propostas son os instrumentos para cambialo". Barreiro tamén recordou que, durante o debate do pasado ano, o goberno, entonces presidido por Manuel Fraga, aprobou "32 das 339 propostas presentadas polos grupos parlamentarios da oposición". O portavoz popular destacou tamén de que o PPdG apoiou a proposta do goberno en materia forestal co cal defendeu o interese en acadar o consenso do seu grupo.
- Propostas de resolución do PPdG
-Propostas de resolución do Bipartito
Publicar un comentario