- Atrás »
- MANUEL LUGRÍS "LETRAS GALEGAS 2006"
Publicado por : Adycto
15 de maio de 2006
Depois de varios anos con dedicacións a xente moi próxima cronoloxicamente a nós (Lorenzo Varela, Xoaquín Lorenzo, Avilés de Taramancos) cumpría, para o centenario da Real Academia Galega, dedicarlle un día das Letras Galegas a un histórico da nosa cultura e da propia Real Academia Galega: Manuel Lugrís Freire.
Para os despistados coma min, hai que dicir que Manuel Lugrís non é o coñecido pintor.Urbano Lugrís, o pintor vangardista da nova estética do mar e amigo de Antón Avilés de Taramancos, era fillo do Manuel Lugrís Freire ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Manuel Lugrís Freire (1863-1940) é un exemplo de vontade e compromiso. Desde moi noviño andou en todas as angueiras galeguizadoras que xurdiron no país. Deste xeito, foi un pouco “ponte de memoria” entre os homes do Rexurdimento e a xente do tempo da II República . Home pluridisciplinar onde os haxa, foi poeta, gramático,autor de teatro, escritor e tamén xornalista (A nosa terra) aínda que, segundo a critica especializada en cada campo, non fora sobresaínte en ningún. Foi o fundador da “Escola Rexional de Declamación”, así como do xornal “A gaita gallega” , un mensuario en lingua galega na Habana de 1885. Foi ademais un dos fundadores da Real Academia Galega, que máis adiante presidiría.
O seu compromiso político e intelectual fixo que os últimos anos da súa vida foron terribles. Primeiro a esperanza na República –seica colocou a bandeira no Concello da Coruña, xunto cun amigo zapateiro, a noite do día 11 de abril de 1931- a esperanza tamén nun galeguismo que collía forza, nun Estatuto que estaba a chegar e polo que el andou dando mitíns con Castelao e outros, e despois, o desastre da guerra.
Como outros moitos tivo que ver de vello como moitos dos seus amigos novos eran asasinados, tiñan que escapar ou calar... e tivo que ver como dous dos seus fillos eran chamados a combater das dúas partes. O fillo Secundino que estudiaba farmacia en Madrid, como farmacéutico do Quinto Rexemento e Urbano como soldado da parte franquista. Tivo que ver como estoupaba a II Guerra Mundial e como as forzas fascistas avanzaban imparables.Desde o trinta e seis, agardou pola morte, case sen saír da casa, ata que o 15 de febreiro de 1940 deixou este mundo.
Publicar un comentario