- Atrás »
- OS MOZ@S GALEGOS ESTAMOS PEOR QUE EN 1980
Publicado por : Adycto
10 de abril de 2006
As recentes protestas dos estudantes franceses, que por certo hoxe remataron coa retirada do polémico proxecto de lei do primeiro emprego por parte do primeiro ministro Villepin, e as informacións referentes ao botellón traen á actualidade a situación social da mocidade en Galicia. O Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero prometeu, durante a campaña electoral, unha reforma social que facilitase mellores condicións de traballo e permitise acceder a unha vivenda que aínda segue agardándose por parte da mocidade, malia ser unha das súas fontes de votantes. O Goberno galego tomou algunhas medidas sectoriais en campos como o emprego ou a vivenda, pero tal como recoñece o Director Xeral de Xuventude, Rubén Cela, “falta coordinación entre distintas áreas”. A información recollida nesta nova, está tirada do xornal A Nosa Terra, medio de comunicación que todos deberiamos leer máis e que, por ese motivo, engado aos enlaces do meu blog. (A fotografía, por certo, é de Vanesa Litvak).
Mentres os medios centran a súa atención en temas como o botellón, a situación global dos mozos galegos en relación co conxunto da sociedade foi empeorando dende o ano 1980. No resto do Estado o comportamento do sector xuvenil foi semellante, segundo indican informes de entidades tan variadas como o INE, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsuc), a CIG, a Fundación Bancaja ou mesmo Cáritas. Os problemas para chegar a fin de mes, a vivenda e o emprego precario son as grandes preocupacións dunha xuventude que se tende a criminalizar con moita frecuencia. O botellón, neste contexto, non sería máis que unha reacción a un baixo poder adquisitivo, o problema para poder beber na propia vivenda ao non dispor de unha e o incremento constante dos prezos dos produtos e servizos de ocio.
As taxas de paro sitúanse na franxa dos 20 aos 29 anos no 17%, mentres que o paro global no Estado é do 10,25%. A situación non é mellor cando se fala de universitarios. Cunha das taxas máis baixas de Europa, 31 estudantes por cada mil habitantes, os problemas para atopar emprego son enormes. Segundo un informe de Acsuc, existe unha taxa de paro do 34,28% entre os diplomados e licenciados no Sistema Universitario Galego. Do 65,72% que traballan, tan só un 52,58% o fan dentro do seu campo de estudo e destes un 10% teñen que facelo fóra de Galicia.
Segundo estes datos, estaría xustificada a afirmación do primeiro ministro francés, Dominique de Villepin, ao afirmar que “os mozos españois están máis explotados que os franceses”. A maior parte dos contratos dos mozos menores de 29 anos son eventuais, cun 59,8% do total. Esta taxa estase a agrandar cada vez máis, xa que no mes de febreiro o 90% dos contratos asinados foron temporais. Tan só o 11% dos contratos son fixos. Como media, cada mozo menor de 29 anos asinou 2,7 contratos durante o 2005.
No tocante aos salarios, en Galicia cóbrase como media un 12,1% menos que no resto do Estado, con 17.406,81 euros anuais: 19.256 no caso dos homes e 13.664 no tocante ás mulleres. Cando se fala de mozos entre 20 e 29 anos, o salario medio baixa case nun terzo até situarse nos 12.675 euros: 13.664 no caso dos home e 11.136 para as mulleres.
Ademais destes datos cuantificábeis estatisticamente, existen outro tipo de fórmulas precarias que lles afectan aos mozos. Segundo o secretario de acción sindical da CIG, Antolín Alcántara, “o máis habitual é que moitos mozos traballen en economía somerxida, sen contrato, que fagan horas extras por riba da legalidade e sen retribuír ou que sexan contratados por ETT’s ou outro tipo de subcontratas co fin de pagarlle menos ou de que desenvolvan xornadas de traballo moito máis longas”.
Segundo o secretario de Acción Sindical da UGT-Galicia, “os sucesivos gobernos levan dando cartos á patronal para favorecer a contratación de mozos e mulleres e a situación non deixou de empeorar. Iso é un indicativo claro de que o modelo de incentivo que repercute no empresario e non no traballador é inaxeitado. Temos unhas taxas de precariedade en Galicia que duplican as da UE, co 37%, e no caso da mocidade a cifra case duplica esta taxa, con case un 60%. O peor de todo xa non é que se estean facendo contratos precarios e de formación con menos de 20 anos, senón que a precariedade está chegando aos 30 anos. A maioría dos mozos traballan en categorías inferiores ás da súa formación e teñen contratos de seis meses”.
Unha das consecuencias directas da precariedade laboral é a sinistralidade. Ao traballar para subcontratas que fan menos revisións, un número maior de horas e con contratos eventuais, os mozos son o sector máis afectado polos accidentes de traballo. No 2004, o 50,2% dos accidentes de traballo sufríronos os menores de 35 anos.
Non é difícil localizar licenciados traballando en postos para os que non esixen remuneración, ou con contratos sen especialización. En cidades como Vigo ou A Coruña o soño de moitos mozos, incluso licenciados, é acadar un contrato fixo nunha factoría coma Citroën ou nuns grandes almacéns coma El Corte Inglés.
Natalia Pérez, por exemplo, é licenciada en Empresariais e asegura estar contenta por acadar un contrato de vendedora de cosméticos. Alexandre Pereira ten dúas licenciaturas en Filoloxía, Clásica e Portuguesa, traballou até hai pouco coma comercial e acaba de deixalo para preparar unhas oposicións.
Outro caso sería o de Xosema Alonso, que se licenciou en Dereito Económico e acaba de aprobar unhas oposicións para traballar como bedel en Barcelona despois de catro anos sen atopar emprego estábel. A emigración segue a ser vista coma unha solución. Os datos do INE indican que o 62% das persoas que emigraron dentro do Estado no ano 2004 eran mozos.
Aumento das desigualdades
Segundo un informe de Bancaja, os baixos salarios da mocidade están conducindo a unha desigualdade sen precedentes en Galicia, xa que no ano 1980 era a comunidade máis homoxénea. Un traballo da CIG, Mocidade e emprego, confirma esta situación. Un traballador con menos de 20 anos en Galicia gañan un 72,4% menos que a media dos traballadores. No seguinte grupo de idade, entre 20 e 30 anos o salario equivale o 62,3% da media. Incluso os traballadores con idades comprendidas entre os 30 e os 40 anos teñen remuneracións un 10% inferiores á media. Destes datos conclúese que o montante salarial máis grande está moi concentrado no tramo de idade que vai dende os 40 aos 60 anos.
Só o 13,7% da poboación menor de 30 anos vive emancipada
Segundo datos do Observatorio Joven de Vivienda (OBJOVI), dependente do Ministerio de Vivenda, tan só un 13,7% dos mozos menores de 30 anos viven emancipados. Ao igual que acontece coas condicións laborais, a dependencia dos mozos foi en aumento dende o ano 1980, segundo datos do Instituto de la Juventud (Injuve). Así, en 1984, o 64,1% dos mozos vivía dos seus propios recursos.
Tal e como asegura o OBJOVI, para os mozos emancipados, o gasto en vivenda supón un 50% do soldo entre os 18 e os 24 anos e un 45% no caso dos mozos entre os 24 e os 29 anos. Entre os 30 e os 35 anos o esforzo en vivenda supón o 37% do salario.
Esto é o que hai, non hai outra...e mentres tanto os nosos políticos véndennos unha realidade falsa...que jodido está todo¡¡