- Atrás »
- Caixón Desastre »
- Mollarse baixo un chaparrón
Publicado por : Adycto
25 de febreiro de 2014

Nunca sentimos que tiveramos algo que perder e, se cadra por iso, en todos estes anos de chaparróns e tormentas colleitamos unha fermosa colección de molladuras que, de seren Joaquín Sabina, serían agora once temas nun álbum de culto.
Moito antes de que chegara esa moda das apostas e das partidas de póker pola internet, nós xa facíamos "all in" á noite compostelán, de mércores a sábado, nos tempos de Universidade. Pero non buscabamos gañar, senón a duras penas correr. Deses tempos de correr como tolos gardamos moitas boas historias para contar nas ceas, algúns bos amigos e unha morea de molladuras pero, por riba de todo, a sensación de non deixar pasar, nin unha soa vez, a tentación de facer algo.
Logo de tanto correr e caer en tentacións decidimos parar e facer outra vida. Unha desas de seguridade. Conseguimos un bo traballo, metímonos nun piso e deixamos case que todos os vicios...Durou poco, para que negalo, e foi como esa calma que precede á tempestade da que tanto falan as cancións, bonita ao seu xeito pero cargada de tensión.
Un día de fináis do outono, deses soleados e cheos dun frío que as luvas non poden deter, todo mudou. E como moitas outras veces dende a chegada dos móviles ás nosas vidas, foi unha chamada a que desencadeou todo. Apenas durou un minuto pero, cando colgamos, xa comprendiamos completamente iso de "non o entendes ata que o vives".
Foi a primeira vez na vida que mirabamos aos ollos á Parca. E a súa presentación non puido ser máis contundente. Veu sen notifiación previa, sen cartas de presentacións nin saúdos protocolarios. Despois de coñecela pasamos tres días, e logo tres veces tres meses, de frases feitas e de tristura a diario. Incluso chegamos a pensar, ilusos de nós, que aquilo era o que a xente chamaba "madurar".
Logo dun tempo, e sen saber aínda moi ben o motivo, cansamos da vida segura, do traballo, do piso e da vida sen vicios e decidimos voltar a mollarnos de novo. E voltamos a correr, e voltamos a aprender, e voltamos a esquencer. E sobre todo, voltamos a mollarnos...Está claro que algúns nacemos para mollarnos baixo un chaparrón e outros non.
Publicar un comentario