Publicado por : Adycto 26 de xaneiro de 2011


Comeza eiquí a serie de “Artigos en Profundidade” prometida. O noso primeiro artigo é sobre a necesidade (ou non) de instaurar en España o pago de impostos, multas, tasas, etc en función á renda de cada cidadán, utilizando o exemplo das multas de tráfico. O post tamén trata, ao final, sobre unha serie de xeitos de loitar conta a corrupción nas Administracións Públicas que tamén creo que poden dar lugar a debate.

IMPOSTOS E SANCIÓNS

Unha cualidade importante dos sistemas de impostos é como varían a medida que aumenta a base impoñible á que se aplica o imposto. Normalmente esta base é un valor relacionado cos ingresos ou rendas dun certo individuo. Segundo a variación da cuantía porcentual do imposto estes clasifícanse en:

Imposto plano ou proporcional, cando a porcentaxe non depende da renda do individuo.
Imposto progresivo, cando a maior ganancia ou renda, maior é a porcentaxe de impostos sobre a base.

En España temos estes dous tipos de impostos. O Plano sería, por exemplo, o imposto sobre o valor engadido (IVE) e como exemplo de progresivo temos a coñecida como Declaración da Renda.

Por outro lado temos en España, como en moitos outros países, outra figura coñecida como infraccións tributarias. A normativa asigna a cada infracción unha clasificación pola súa gravidade e unha sanción para o contribuinte que a cometa, por acción ou omisión.

As infraccións tributarias sanciónanse coa imposición de castigos de caracter económico e, en determinados casos, a sanción económica pode ir acompañada doutra accesoria que pode supoñer a perda de determinados dereitos (por exemplo o carnet por puntos e as infraccións de tráfico).
Canto ás sancións económicas, estas poden consistir nunha multa fixa ou proporcional. As multas fixas son aquelas que asignan un importe determinado como sanción por unha infracción. Por exemplo, a presentación dunha declaración errónea, sen que esta supoña prexuizo económico, supón unha sanción de 150 euros.

As multas proporcionais son as que se sancionan cunha cantidade variable e se calculan aplicando unha determinada porcentaxe sobre a repercusión económica da infracción. Por exemplo, a infracción por deixar de ingresar unha débeda tributaria supón o 50% da cantidade non pagada.

PROPOSTA

Partindo desta introducción, é dicir, de que en España existan impostos planos e progresivos e de que existan tamén sancións económicas fixas e proporcionais o que propoñemos en Xornal Aberto é que, para empezar, as coñecidas como “multas de tráfico” sexan proporcionais ás rendas ou patrimonio dos infractores. E digo para empezar porque realmente consideramos que todos os impostos, sancións, taxas, becas, etc deberían atender a este mesmo criterio.

Pero imos ao que imos. Se coas “multas de tráfico” o que o goberno quere é reducir os accidentes de tráfico e as mortes por esta causa en España, as multas cumpren pois unha función coercitiva que, coa entrada en vigor ademais do carnet por puntos, queda bastante clara. E se ademais da función coercitiva o Estado, como é lóxico, busca recaudar fondos, o modelo que propoño de multas proporcionais aos ingresos sería perfecto.

Os motivos que me levan a pensar isto son fáciles de expoñer. Non é o mesmo unha multa de, por exemplo, 300 euros para unha persoa que ten unha renda mensual de 1000 euros que para outra que ten unha renda de 3000 euros, por poñer un exemplo. Baixo esta visión parece claro que a labor coercitiva non é a mesma nun caso que noutro.

En Finlandia este medida aplícase en determinados casos e funciona bastante ben. Claro que seguro que hai casos que poden dar lugar a discusións pero, en termos xerais, paréceme axeitado. O pago de sanciós (impostos, taxas, etc) en función da renda dos individuos é máis equitativa. Claro está que deberían existir uns valores mínimos de pago, unhas táboas moi pensadas e un bo cruce de datos entre todas as administracións pero coido que no ano 2011 esto debe ser máis que posible. O resultado final sería unha maior equidade, maiores ingresos para o Estado, e maior efectividade das medidas administrativas punitivas.

TRANSPARENCIA

Para argumentar o que acabo de expoñer sobre as multas proporcionais estiven mirando diversas páxinas sobre a aplicación desta medida en Finlandia e ao investigar sobre esta normativa no país escandinavo atopei outras cousas interesantes que agora os conto.

Finlandia foi recoñecido internacionalmente como a nación menos corrupta do planeta. Unha parte deste éxito baséase na estricta moralidade imperante no país (algo que en España non temos) pero tamén nunhas políticas estatais baseadas no principio da transparencia.

Así, en Finlandia calquera compra que realicen as Administracións Públicas, dende un coche oficial ata un paquete de post-its, ten que executarse a prezos de mercado e incluir, necesariamente, tres ofertas de proveedores distintos, para poder elixir a máis baixa. Sempre, sen excepcións.

O principio de transparencia total das Administracións públicas é tal que calquera decisión tomada por un funcionario público dentro do desempeño da súa profesión (excepto as relacionadas coa seguridade) poden ser coñecidas polo resto dos cidadáns. Ninguén pode negarse a satisfacer as necesidades de información, non só dos xornalistas senón dos votantes.

O principio de transparencia tamén afecta ás contas dos cidadáns. Os fineses poden saber cales son os ingresos declarados de todos os residentes no país, xa sexa unha persona que cobre o desemprego, o artista de maior éxito ou o máximo executivo de Nokia.

Tamén hai que destacar a ausencia de cargos de designación política: En Finlandia os secretarios de Estado son funcionarios de carreira que alcanzan o posto superando probas obxectivas.

E por último o principio de proporcionalidade no castigo. A cuantía das multas por violar as normas soe ser proporcional aos ingresos dos individuos e das empresas.

En resumo, un novo tema de debate do que espero as vosas opinións.

Fontes:

Wikipedia

Pymes y Autónomos

Blog Por Antonomasia

Blog Os cuento

3 Respostas ata o de agora.

  1. Frantxu dí:

    Home, eu penso que a medida non é unha mala idea siempre e cando se pulan os supostos de rentas en negro, etc. Polo demais xa sabes o que penso que desto tu mais eu xa falamos

  2. Adycto dí:

    Tes toda a razón Frantxu...é tema falado...pronto haberá outros con máis lugar ao debate. E no das rendas en negro tes toda a razón...habería que empezar pola loita contra a economía sumerxida

  3. JLMejuto dí:

    Me parece una idea excelente, por supuesto que a desarrollar, teniendo en cuenta que este desarrollo no parte de cero, al contar con la experiencia finlandesa.
    Recuerdo algo que posiblemente sea leyenda urbana, y es que en tiempos que no debemos olvidar, las multas a las publicaciones cuando la censura así lo decidía, se imponían al director y su valor era proporcional al salario de éste. Una revista que de vez en cuando recibía estos "regalitos" era La Codorniz, su dueño, Álvaro de la Iglesia, se había autocontratado como director con un sueldo mensual de una peseta.
    Sobran más palabras

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -