Publicado por : Adycto
2 de marzo de 2010
Onte pola tarde fun a dar unha volta por esas pozas de sabiduría popular que Compostela agocha baixo o nome de tascas. Estaba a esperar a que a miña moza voltase de traballar e, como non tiña gañas de limpar na casa ou de facela compra, dediqueime a vagar polas tabernas coa excusa de inspirarme para escribir algo. A pesares de que xa hai días do feito, o tema central de debate de todas as tertulias seguía a ser Rosa Diez (perdón Díez) e o seu uso pexorativo do termo galego. Aínda así, outro debate comezaba a tomar protagonismo no falar das xentes: a morte do opositor/disidente/heroe/preso común cubano Orlando Zapata. Con este tema parece que as posturas, como en moitas outras cousas, están divididas de xeito claro en dous bandos: os que condenan con indignación a morte deste heroe/opositor e os que cando lles preguntan polo caso de Orlando Zapata falan da Sanidade, da Educación e do bloqueo que sofre a illa caribeña dende hai cincuenta anos. Estes últimos, cando falan de Orlando Zapata, o califican de disidente/preso común.
É algo que nunca entendín. Parece que por pensar dun xeito ou por militar nunha corrente política concreta tes que asumir todos os erros que cometen "os teus". E eu négome a facelo. Así, como bicho raro que son, non entendo porque, por exemplo, os "genoveses" non poden condenar como deberían os casos de corrupción do seu partido e os agochan ou minimizan coma senón tivesen importancia. Tampouco entendo porque os sociatas non critican a actitude dubitativa do actual presidente do goberno e os seus constantes bandazos, sobre todo no que a temas económicos se refire. Moito menos comprendo o motivo que leva aos nacionalistas galegos a estar permanetemente cabreados e "en luita" e a botarlle a culpa de todos os seus males á "repreçom do Estado opreisor sobre a Galiza". E coma estes exemplos poderíamos atopar cincoenta mil mais en cada caso.
Co tema de Cuba, o que centraba o debate onte nas tertulias "de taza" pasa o mesmo. Os dun lado, os que están en contra da Cuba castrista, só falan de falta de liberdade de expresión e de dereitos humáns. Esquécense dun bloqueo brutal (que impide que entre en Cuba ningún producto cun só compoñente estadounidense dende hai 50 anos), dos logros sociais do goberno cubano (que fai que todo o mundo na illa teña acceso gratuito a educación, sanidade e alimentación) e de comparar a situación da illa con todos os países do seu entorno. Se o fixeran daríanse de conta de que a situación de Cuba en canto a niveis medibles de benestar é moi superior ao resto dos países do seu entorno. Pero que moi superior. E iso a pesares de todos os pesares. Neste lado da tertulia só se fala de represión, de réxime e de falta de liberdades. E se fala a voz en grito de que hai 200 presos en Cuba encarcelados por motivos políticos. A todos estes debo lembrarlle que en España, segundo Amnistía Internacional, tamén se tortura á presos e tamén se toman moitas medidas que serían realmente cuestionables dende o punto de vista da liberdade de expresión e de asociación (Lei de Partidos incluida).
Mais triste é o dos da esquerda (ao mellor porque me doe mais). Que ninguén se lembre agora do caso de De Juana é ben triste. De Juana iniciou hai algún tempo unha folga de fame estando encarcelado, e todas as xentes da esquerda española estiveron de acordo en que o que había que facer (xa que estaba baixo a custodia do Estado) era preservar a súa vida a calquera precio (o mesmo que se debería facer no caso cubano) e logo xa veriamos. O cal evidentemente era o correcto. Tamén é ben triste que se obvie que Orlando Zapata foi golpeado e torturado e que, amigo Willy Toledo, aínda que fose un preso común a ningún preso se lle pode golpear ou torturar e moito menos deixar morir en folga de fame. Ou si Willy?
En resumo, non me importa admitilo porque non son preso de ninguna ideoloxía. Sempre defenderei a revolución levada a cabo en Cuba hai cincuenta anos, os seus logros sociais e os seus valores pero nunca poderei defender que a un preso, por exemplo, independentemente de por que esté na cadea (por roubar unha galiña ou por facer terrorismo) se lle poda deixar morrer de fame, se lle prive dos seus dereitos fundamentais ou se lle torture. En Cuba, en Chile, en China, en España ou en EEUU.
Nas tascas polas que estiven e das que saquei a inspiración para facer este post, así como un sabor salgado de viño barato nos beizos, as posturas eran basicamente as mesmas que tratei de achegarvos aínda que, como sempre que paseas por entre estas pozas de sabiduría popular, as perlas abundan. Como senón podemos calificar a afirmación escoitada no "Mosquito" e pronunciada con vehemencia por un home de entre 70 e 150 anos que trasegaba viño "do país" en cunca sen parar: "Tanto mal faría o preso ese para que o toruturaran, non lle deixaran ver a súa nai, e o deixaran morrer de fame?".
Excelente artigo...coincido plenamente en todo o que dis....as veces parece que as correntes ideolóxicas ou partidos son como os equipos de futebol. TEs que defendelos aínda que creas que non teñan razón. No caso do futebol vale porque se cadra o rixe o corazón pero no caso da política coido que a razón tamén ten moito que dicir.
Tódolos gobernos cometen erros. E sería unha novidade ó meu modo de ver moi beneficiosa que alguén empezase a recoñecelo desde dentro. É ridículo que se lle quite ferro a que a unha persoa se lle permita morrer de fame cando está baixo a tutela e a responsabilidade do estado. Se é unha persoa libre, pode chimpar dunha fiestra cando lle pete, pero mentres está no cárcere, é responsabilidade do estado.
Así que o suceso en sí paréceme lamentable, igual que as declaracións de Willy Toledo. Pero pareceríame igual de lamentable que pasase en Francia ou aquí. Non sei se me explico. As folgas de fame en sí non son un arma contundente contra calquera réxime. O que as converte en armas contundentes son as reaccións ante esa folga.
Cuba é un poliedro con diversas caras, pero merece todo o respeto pola súa condición de nación soberana. Non son un fervente castrista nin moito menos, pero igualmente considero que hai quen, dende unha cómoda diáspora en Miami, segue a protestar con calquer excusa simplemente porque se lle paga por iso. O exilio cubano, que contrariamente ó que se dí non é tan grande en termos porcentuais ou absolutos (e se non comparen as cifras de Cuba coas de Ecuador, por exemplo) é sen embargo un colectivo moi favorecido polo seu carácter de arma contra Castro por parte dos americanos. Pero é de todo artificial.
Por iso cada vez que se monta un escándalo dun ou outro signo en torno a Cuba, considero que é maniqueo e por tanto as reaccións das partes implicadas ou opinantes son pouco reveladoras e sí moi interesadas.
O que importa en último término e que unha persoa morreu. Independentemente da súa tendencia.
Saúdos.
No me cabe duda de que la Revolución Cubana es uno de los episodios históricos más importantes del pasado siglo. Recomiendo la lectura de "Cuba dictadura o democracia, de Marta Harnecker"
http://www.sigloxxieditores.com/destacados/cuba-dictadura-o-democracia-960.html
Lo penoso es que el máximo dirigente de la revolución se ha perpetuado en el poder manteniendo un duro sistema represivo escudándose en la defensa contra el brutal bloqueo que sufre el pueblo cubano y la permanente amenaza del poderoso vecino yanqui.
Es muy acertado el enfoque de denuncia contra aquellos que critican a Cuba pero que no abren la boca para hacer lo mismo con otras dictaduras mucho más duras,como ejemplo en el próximo pasado Chile, Argentina, y actualmente Arabia Saudí, Marruecos, China...
Moi boa a idea xeral do artigo. Non podo engadir moito mais do que concordar co que di. Unha aperta.