Publicado por : Adycto 10 de febreiro de 2009


O pasado domingo tivo lugar unha manifestación en Compostela convocada pola plataforma Galicia Bilingüe. Como todos saberedes a estas alturas do partido, o normal desenvolvemento da manifestación viuse alterado polos disturbios ocasionados por diversos colectivos de "defensa da lingua galega" que arroxaron botelas e pedras tanto a manifestantes como a policías nacionais. Os disturbios remataron con 10 detidos e coa manifestación de Galicia Bilingüe copando as portadas dos xornais e as cabeceiras dos telexornais a nivel estatal. Alí falouse de "Kale Borroka á galega" de independentistas incontrolados, de vándalos e de moitas outras cousas pero pouco se falou das absurdas reivindicacións da asociación convocante e das 3.000 persoas que os acompañaron, entre eles o secretario xeral do PPdG, Alfonso Rueda, e a ínclita Rosa Díez.

O que non coñeza a realidade galega ou escoite as interesadas informacións que dende a prensa madrileña se están a difundir sobre este tema pode ter unha imaxe equivocada pero, en Galiza, non existe un problema lingüístico por moito que algúns queran "inventalo" e con iso tratar de facer política. O 15 de xuño de 1983, con Xerardo Fernández Albor de presidente, a Xunta aprobou, tralo voto unánime do Parlamento Galego a Lei de Normalización Lingüística na que, entre outras cousas se di que "As autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantizarán que ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán". Máis recentemente, con Manuel Fraga de presidente, alá por setembro de 2004, a Xunta puxo en marcha un ambicioso Plan de Normalización da Língua Galega que previamente foi aprobado, de novo por unanimidade, polo Parlamento Galego.

A última incorporación normativa ao tema da normalización lingüística é do 27 de xuño de 2007 (xa co bipartito no goberno) cando o DOG (Diario Ofical de Galicia) publicou o Decreto polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, que o único que fai e desenvolver a anteriomente mencionada Lei de Normalización Lingüística e o Plan aprobado en 2004. O señor Núñez Feijóo, o actual candidato do PPdG , prometeu derogar o decreto da lingua galega se gaña as eleccións. Podedes lelo con calma vos pero o que fai este decreto, entre outras cousas, é marcar as asignaturas que serán en galego (cinco) na Educación Secundaria, establecer o mesmo número de horas de ensino para o galego e o castelán, establecer no Bacharelato un mínimo do 50% de asignaturas en galego, etc, etc; en resumo, desenvolver o aprobado por unanimidade no Parlamento Galego no ano 2004 con Fraga no poder.

As cousas son moito máis sinxelas do que parecen, os integrantes de Galicia Bilingüe consideran, segundo eles mesmos din, que "Cuando en un territorio existan varias lenguas oficiales, su enseñanza debe ser obligatoria, como asignatura, en los correspondientes planes de estudio; pero de manera que exista libertad de elección por parte de los padres o, si es el caso, de los alumnos respecto de la lengua en que éstos han de recibir el resto de la enseñanza" o cal, se o pensamos friamente contradice a Lei de Normalización Lingüística Galega que, como citaba anteriormente, establece que, unha vez rematados os ciclos de ensino, os alumnos deberán coñecer o galego e o castelán con igualdade. Se todas as asignaturas son en castelán (por elección dos pais) menos a de galego parece evidente, ata para o máis parvo dos galegos, que o nivel de coñecemento dos alumnos dunha e doutra lingua non pode ser igual co cal estaría a infrinxirse a normativa ao respecto: o coñecemento das linguas non sería igual.

En Galiza non hai un problema lingüístico. Todo o que vive aquí o sabe. So hai que acudir a un bar, a unha escola, a un posto de traballo calquera ou a pasear pola rúa para poder ver como, tanto galego como castelán conviven de xeito normal na nosa terra. De feito, se se están a implantar dende a administración medidas para potenciar o uso do galego non é para "atacar" ao español (que tamén é un idioma noso) senón para permitir que o galego poda seguir avanzando. Os señores de Galicia Bilingüe, como dicía antes, "alborotan" para que os seus fillos estuden integramente en castelán pero non se preocupan de que na tele, na radio, nos xornais, etc, a lingua abrumadoramente maioritaria sexa o español. En Galiza un castelán falante non ten ningún problema para vivir, expresarse ou aprender o castelán por moito que digan os señores de Galicia Bilingüe.

Ademais, que eu saiba, aprender un idioma non implica esquencer outro, é máis, segundo o meu modesto xeito de ver as cousas, aprender sempre está ben. Os galegos e residentes en Galiza, como noutros territorios con varias linguas, temos unha riqueza cultural que parece que moitos non entenden ou non queren entender. O triste do caso non é que haxa algúns que non estean de acordo con isto, o triste é que determinados partidos políticos lles dean apoio e traten de "inventar" un problema onde non o hai, co único interese de conquerir un "puñado" de votos. En serio, Fraga non é precisamente un adalid dos nacionalistas (recentemente quería colgalos) e foi el que aprobou o vixente Plan de Normanilización Lingüística co apoio unánime do Parlamento e con Núñez Feijóo de vicepresidente. En serio seguen pensando que non hai só un interese político neste tema?

4 Respostas ata o de agora.

  1. Thomas Pullings dí:

    O triste deste suceso é que os incidentes deron lugar a que o suposto problema aparecese en tódolos medios de comunicación, que era seguramente o que os convocantes dese colectivo e politicastros varios querían. Hai que ser un pouco máis listos, home, e non lle facer o xogo a esta xente.

    Eu estaba fora da terriña, na estación de esquí de leitariegos, onde por certo me sorprendeu que todos os que estabamos esperando na cola falabamos galego. É un vínculo moi forte e non se debería xogar con el. Pero o problema é que ó parar a tomar un cafe de volta no telediario o que saíu foi que houbera disturbios en compostela cando un grupo de independentistas agrediu ós de galicia bilingue.

    Non e esa a imaxe que quero proxectar da miña terra, e o máis triste é que nin sequera podo pensar que tanta culpa teñen uns coma os outros, porque aquí non provoca quen quere, senon quen pode. Unha vez máis, cúmprese o de que certas pedradas fan máis dano ós que as tiran que ós que as reciben.

    Un pouco de cabeciña, señores.

  2. Unquepasabaporaquí dí:

    Por fin alguén expresa de xeito claro e razoado o rexeitamento a actitudes como a de Galicia Bilingüe

  3. Brasilianer dí:

    A melhor publicidade pra os da Bilingüe é o de esses descerebrados.
    Eu acho que ninguém normal concorda com essa gente "bilingüe". É necessário potenciar o uso do galego pra que as futuras gerações conheçam o idioma que seus pães já não falam.
    Uma pena.

  4. pinchinho dí:

    A ver...
    A prensa mandrileña sempre relaciona a violencia como mostra do 'batasunismo da sociedade galega', como foi durante a visita de Maria San Gil a Facultade de Economicas da USC. Era, segun El Mundo, un intento de linchamiento, sed narrar que esos ataques son constantes a calquera iniciativa estudiantil e xa era a quinta vez en tres anos que pasaba...

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -