Publicado por : Adycto 30 de agosto de 2007


O outro día, mentres xogaba un subastado nunha desas moitas pozas de sabiduría popular que ateigan o santiagués Barrio de San Pedro, púxeme, case sen darme de conta, a escoitar a vehemente conversa que dous homes mantiñan sobre cal era a cousa máis rara que viran na vida. Así, un deles, que polo seu aspecto tería uns sesenta anos, comezou a contar que el, no Porto de Rótterdam no ano 1977, coñecera a un domador de leóns dun circo que afirmaba ter un can que falaba. O “mariñeiro” contou que el chegara a coñecer persoalmente ao can en cuestión e que este díxolle, a modo de confidencia, que o Deportivo da Coruña gañaría, no ano 2000, a liga nacional de fútbol profesional en España.

Todos os clientes do bar que, debido ao elevado ton de voz que tiñan os “contertulios” e ao aburrido das partidas, estaban a esas alturas pendentes da conversa e andaban desexosos de ver cal sería a reacción do que escoitaba. Eu, persoalmente, esperaba que o “outro home” comezase a rir como un tolo ou dubidase, aberta e públicamente, da veracidade da historia do “can vidente”. O dono do bar, mentras tanto, non paraba de xesticular indicando que o “mariñeiro” debía estar tolo ou cheo xa que unha historia como esa era, a todas luces, mentira. Sen embargo, en contra do que pensaban todos os presentes, o “outro home”, moi tranquilo, respondeulle:


- É unha historia ben rara pero eu coñezo outra, cando menos, igual de rara que a túa.
- Igual de rara ca miña…non creo. Coñece algún de vostedes-dixo dirixíndose á asombrada clientela- algún can que fale e, ademais, sexa vidente?

Ningún do clientes creía na historia do “mariñeiro” pero non parecían querer entrar na conversa así que eu fun o único que, cun lixeiro balanceo da cachola, neguei coñecer a ningún can que falase e, menos aún, que fora vidente. O “mariñeiro”, envalentonado polo meu xesto, dicíalle ao seu rival de historias raras:

- Vas contar ti Algora algo máis raro que o do can falador de Rótterdam!

O "outro home" comezou entón a contar que, hai dous días, vira na Praza do Toural a un chinés pedindo cartos á porta do “Froiz” que hai alí e que, un pouco máis abaixo, xa case que na rúa do Franco, vira ao cura do seu pobo, ao que hai case que 20 anos que non veía, lucindo un fachendoso bigote estilo Quevedo e unha panza, grande coma un saco de patacas.

A asombrada platea que formábamos neses intres todos os clientes do bar quedamos de pedra cando escoitamos a historia do “outro home” que, como anécdota para despois dunha comida familiar, non estaba mal pero, para contrepoñer á historia do can falador e vidente parecía ridícula. O “mariñeiro” non paraba de rir e, entre constantes hipos, díxo:

- E ti en serio pensas que o do chinés e o do cura do teu pobo en Santiago é máis raro que o do can falador de Rótterdam.?...Ti pareces parvo!!!
- Ninguén dos presentes viu algunha vez a un chino pedindo ou a un cura con bigote?- dixo o “outro home” -dirixíndose á clientela.
- Non, a verdade é que non- respondimos todos case que ao unísono
- Ves-díxolle o “outro home ao “mariñeiro”-, ninguén dos presentes viu tampouco nada do que che digo eu co cal a túa historia e a miña son igual de raras. De todos os xeitos- continuou- con esta “xuizclientela” podería ter dito que o outro día estiven sobre a tumba dun chinés no cemiterio da Choupana ou que Don Manuel díxome persoalmente que vai a deixar a política neste 2007, que tamén me dirían que nunca viron tal cousa.


Este é a homenaxe de Xornal Aberto a Francisco Umbral. O que escribe este blog non comparte moitas ideas con Umbral pero admira profundamente a faceta de columnista desenvolta, durante os últimos 16 anos no xornal El Mundo, por este escritor capaz de chegar “con dous folios de texto” a tratar os temas máis actuais dende o seu complexo mundo interior. Lástima que as cabeceiras serias deste país en prensa, radio e televisión non entren nesta homenaxe e adiquen máis espacio, en páxinas e minutos, á triste morte do futbolista Antonio Puerta. Na bandeira desta actitude TVE, a televisión de todos, adicou onte pola noite un programa homenaxe de UNHA HORA DE DURACIÓN á morte do futbolista e o xornal El Pais, tamén na súa edición de onte, cubriu con dúas páxinas a morte de Umbral e con catro a de Puerta.


Non teño nada máis que dicir.

2 Respostas ata o de agora.

  1. Anónimo dí:

    gracias xornal aberto por existir
    non me podería sentir tan identificado con un comentario neste intre, coma me sinto con esta reflexión.
    sinto vergoña polo papanatismo social que impera na sociedade en xeral (e nos medios de comunicación como reflexo desta sociedade)
    apertas e felicidades
    gracias por existir

  2. Adycto dí:

    alédome de que compartas a intención do artigo...realmente o "papanatismo social", como ti mesmo o defines, está en posición de privilexio nesta nosa sociedade

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -