Publicado por : Adycto 17 de novembro de 2006

Hai uns días, preocupados polas cousas que estaban a acontecer na Galiza, Xornal Aberto decidíu poñerse en contacto cos tres principais líderes políticos deste país (Touriño, Quintana e Feijoo) para facerlles catro preguntas que pensamos podían ser de interese para todos os galegos e galegas. Por desgracia, tan só o lider do Bloque Nacionalista Galego e vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, contestou ao cuestionario enviado pola redacción de Xornal Aberto. Estas son as respostas que o señor Quintana deu as catro preguntas feitas por este blog e que tratan sobre: a cidade da cultura, o termo nación, a corrupción urbanísitica e as expectativas electorais de cara ás municipais.

Xornal Aberto (P).- Despois dun investimento recoñecido pola Administración de máis de 370 millóns de euros, qué cree vostede que hai que facer coas obras da Cidade da Cultura?

Quintana (R).- Este goberno herdou un proxecto faraónico sin sentido de país, sin contido cultural, un proxecto sin proxecto, unha manchea de contratos millonarios de construcción blindados contra toda lóxica, unha herencia envelenada que dende o primeiro día estamos a afrontar con sentido común, buscando contidos, proxección de futuro e utilidade para os galegos e as galegas para esta obra. E estamos traballando neso, en arranxar as desfeitas que fixo o PP na xestión deste proxecto. Ese é o noso compromiso dende o primeiro día, e con paso firme estamos a levalo á práctica: ao final haberá algo útil, bo para Galiza e rendible para os galegos e as galegas.

P.- Pensa vostede que o futuro Estatuto galego ten que recoller a definición de Galiza como nación?

R.- Para min que Galiza é unha nación non é unha discusión, é unha realidade. Unha realidade que ten que ter por fin un recoñecemento xurídico-político no novo Estatuto de Autonomía. Teño presentado no Parlamento galego unha proposta de Preámbulo para o novo Estatuto onde se recolle este recoñecemento de Galiza como nación e se fai mención ao artigo 2 da Constitución, pero aínda estou agardando a que o PP e o señor Feijóo fagan a súa proposta ao respecto, máis alá de dicir que non a todo e tentar torpedear por todos os medios que Galiza teña un novo Estatuto e que non perdamos unha oportunidade histórica para que se nos recoñeza e se nos trate como o que somos: unha nación.


A fórmula que eu propoño é: “A tradición e o sentimento galeguista que nos unen como pobo e o Parlamento que nos representa como cidadáns definen a Galiza como unha nación. A Constitución española no seu artigo 2 recoñece o carácter nacional de Galiza como nacionalidade histórica”.

P.- Cree que en Galiza se poden estar dando casos de corrupción urbanística semellantes aos descubertos noutras comunidades autónomas?

R.- A acción da xustiza nesta materia está a ser o suficientemente esclarecedora ao respecto, e os políticos o que temos que facer é non entorpecer esta acción para que dunha vez por todas se remate con estes casos de corrupción que, ademáis das consecuencias legais que teñen para os implicados, nos deixan unha pésima herencia de desfeitas en moitas zonas do país. O urbanismo é un tema complexo no que ata o de agora os anteriores gobernos galegos teñen deixado facer e desfacer sin control algún e con moita permisividade, o bipartito ten demostrado que esto se acabou, que o territorio é unha das nosas prioridades e que estamos dispostos a rematar con estes episodios de corrupción que teñen aberto feridas dificilmente reparables na nosa paisaxe. Nese senso camiña a nova política de vivenda que está a levar a cabo a conselleira nacionalista Teresa Táboas, unha política pensando na xente e non no ladrillo, esa é a mellor arma de destrución masiva da corrupción.

P.- Cales son as expectativas do seu partido para as vindeiras eleccións municipais nas sete principais cidades galegas?

R.-O BNG aspira a traducir en votos a confianza da acción de goberno. A gobernar as sete principais cidades de Galiza, a estar presente en todos os concellos do país, a ser decisivos e darlle o pulo preciso ao nacionalismo no municipalismo para que o cambio chegue a todas as administracións, para que o nacionalismo chegue a todos os galegos e galegas. Aspiramos a gañar a alcaldía de Ourense porque temos o mellor candidato: Alexandre Sánchez Vidal. As vindeiras eleccións municipais estou convencido de que representarán para o BNG un salto cualitativo e cuantitativo importante, o cambio nacionalista que leve a todos os recunchos de Galiza o sentimento de país, as políticas en defensa de Galiza por enriba de calquera outro interés.

6 Respostas ata o de agora.

  1. Anónimo dí:

    noraboa pola entrevista...Xornal Aberto xa parece un diario de verdade, con entrevistas, exclusivas, etc..Seguide Así!

  2. Anónimo dí:

    moi boa a entrevista!; únome os comentarios de choivapurpura. Adiante!!!

  3. Anónimo dí:

    por certo, moito mellor os contidos das pestañas: están máis claros; Saúdos

  4. Anónimo dí:

    As miñas felicitacións por un bo traballo periódístico coa entrevista de quintana. Os meus parabens asimesmo para o entrevistado e o seu equipo por non esquecer a comunicación co pobo ó tocar moqueta. Ben deberían aprender outros a respetar e responder ós seus gobernados, do consentimento dos cales derívase a súa posición. Grande salto de calidade de xornalaberto por unha prensa independente. E tamén no novo deseño.

  5. Anónimo dí:

    Parabéns pola entrevista, é incrible que contestaran aos cidadáns

  6. Anónimo dí:

    da gusto ver que un político interesase pola blogosfera

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -